Innovación

Pescanova nace dunha innovación: a tecnoloxía de conxelación a bordo. Desde entón, non pasou un só día en que non pensásemos en como mellorar todos os nosos procesos, facéndoos máis competitivos e sustentables e, sobre todo, desenvolvendo novas tecnoloxías, métodos de produción e produtos:

Novas tecnoloxías

En 1961 e extrapolando conceptos en materia de conservación do frío da industria cárnica, Pescanova inventou a tecnoloxía de conxelación a bordo, utilizada por primeira vez no buque “Lemos”. Foi o primeiro barco conxelador transoceánico do mundo.

Unha revolución tecnolóxica que permitiu a partir de entón pescar nos ricos e distantes caladoiros do hemisferio sur, ultraconxelando a captura a bordo para a súa correcta conservación, dando un xiro de 180 graos á industria pesqueira mundial.

Métodos de pesca

En 1963 construímos o primeiro buque rampeiro da industria naval española capaz de pescar por popa no canto de por un costado, o “Villalba”, o que foi un grande avance para aumentar a capacidade pesqueira.

A esta innovación seguíronlle outras moitas, que situaron á frota de Pescanova á vangarda da industria pesqueira mundial.

Acuicultura

Desde que comezamos a apostar pola acuicultura nos anos 80, non paramos de innovar neste campo. Desde a aplicación de novas técnicas de acuicultura nos cultivos de lagostino en Ecuador, Guatemala e Nicaragua, de rodaballo en España, ata a punta de lanza do I+D+i do Grupo Nueva Pescanova: o Pescanova Biomarine Center.

Ubicado en O Grove (Galicia, España), o Pescanova Biomarine Center é o noso centro de I+D+i en acuicultura. Trátase do primeiro centro privado de investigación acuícola en España e un dos tres mais importantes de Europa.

Conta cun espazo de 4.000 m2 dotado da última tecnoloxía para a investigación acuícola e un museo adicado ao mar aberto ao público.

Aquí un grupo de investigadores traballa enfocado no estudo da xenética, nutrición, saúde e benestar animal. Este equipo non só mellorará o cultivo de especies como o rodaballo ou o lagostino vannamei, senón que avanzará en técnicas que permitan levar a acuicultura a novas especies. De feito, no 2019 lograron un fito mundial ao pechar, por primeira vez na historia, o ciclo de reprodución do polbo en acuicultura, conseguindo que non só os exemplares nados aquí cheguen á súa idade adulta senón que poidan reproducirse fóra do seu hábitat natural.

Produto

Fomos pioneiros en introducir o peixe ultraconxelado en varios países, creando unha nova categoría que rapidamente formou parte dos hábitos de consumo de millóns de consumidores. A innovación está no noso ADN dende as nosas orixes e, por isto, traballamos enfocados en dar resposta ás necesidades dos nosos consumidores a través de solucións innovadoras, saudables e nutritivas que lles proporcionen un valor engadido.

Queremos ser a mellor compañía de alimentación levando a frescura do mar á mesa do consumidor e temos unha gran vantaxe: podemos ofrecer todas as garantías de calidade, seguridade e sostibilidade ao estar presentes en toda a cadea de valor, dende a pesca ou cultivo ata que o produto chega aos seus fogares.